O monte Acibal, situado en Amil, no concello de Moraña (Pontevedra) está en perigo. A empresa enerxética Norvento traballa para instalar un novo polígono eólico neste monte con catro aeroxeradores de máis de 200 metros de altura, poñendo en risco o patrimonio histórico e ambiental deste lugar.
O polígono eólico do monte Acibal é un dos tres que afectan a esta zona. Os outros dous son o de Anduriña, con nove aeroxeradores e Zudreiro, con cinco. 18 aeroxeradores a escasa distancia dunha aldea de 400 habitantes.
Para comprender máis este caso, falamos con Lucas Andión e Carmen Ruibal, naturais de Amil e integrantes da plataforma Amil Sen Eólicos. Estas son dúas persoas de moitas que levan meses loitando contra o espolio dos seus fogares. Loitando contra xigantes.
Tras meses de loita e sufrimento, de ver como Norvento ameazaba a súa paisaxe e ecosistema e de como dinamitaba o seu monte, produciuse un xiro nos acontecementos. En outubro de 2023 o TSXG suspendeu de xeito cautelar a execución deste polígono eólico. Cal será agora o futuro para Amil?
Ligazóns: