“Os monte son nosos, non dos mafiosos”, “Eólica así non” ou “Amil sen eólicos” eran algunhas das faixas que na tarde de onte podían verse fronte ao Parlamento galego, respondendo á convocatoria da Coordinadora Eólica Así Non, que representa ao redor de 200 colectivos e plataformas.
“Estamos aquí para lembrar que o modelo eólico vixente é insustentábel”, afirmou en declaracións a Nós Diario Belén Rodríguez, portavoz da coordinadora. “Non se pode seguir con este modelo, feito ao ditado do lobby enerxético, hai que ir a outro modelo, que respecte o medio ambiente e o medio rural”, acrecentou.
Unha delegación das entidades que forman parte da Coordinadora presentaron no rexistro do Parlamento o seu decálogo de reivindicacións “para un modelo enerxético xusto, sustentábel e ao servizo do pobo”, que foi consensuado polos diferentes sectores sociais nas xornadas Temos Alternativa que decorreron o pasado ano en Pontevedra.
Moratoria
No escrito, dirixido tanto aos grupos parlamentarios como ao presidente da Xunta da Galiza, pídese o estabelecemento dunha moratoria na autorización de proxectos eólicos e unha planificación enerxética na que se contemple o cumprimento das obrigas ambientais, o aforro e a eficiencia sobre a xeración eléctrica, a intervención pública na produción e distribución da enerxía ou a restauración da participación “libre e democrática” da cidadanía “na toma de decisións sobre o aproveitamento dos nosos recursos”.
Preguntada sobre o anuncio realizado esta terza feira por Alfonso Rueda no Parlamento sobre a decisión do Goberno galego de recorrer as anulacións de parques eólicos decretadas polo TSXG, Rodríguez acusou o Goberno galego de estar abeirando “a prevaricación”: “Anúlanse parques pola xustiza e eles continúan autorizando outros”. A portavoz da coordinadora cifrou en 30 os parques paralizados cautelarmente polas resolucións do alto tribunal galego.
“Inseguridade xurídica”
Para Eólica Así Non, o único responsábel da inseguridade xurídica e bloqueo que envolve o desenvolvemento da enerxía eólica na Galiza “foi e segue a ser o Goberno da Xunta do PP”, o cal impulsou nos últimos anos “unha nefasta política eólica ao ditado do lobby enerxético, baseada no impulso de reformas normativas ‘golpistas’ e antidemocráticas destinadas a minguar a capacidade de intervención da cidadanía nas decisións e as garantías de protección ambiental do territorio”.
Por último, a coordinadora anunciou que manterá a dinámica de “mobilización social e loita organizada” impulsada nestes anos, pois son as que “están conseguindo manter o pulso á invasión eólica”.
Ligazón: